martes, 24 de marzo de 2020

VOOOLVEMOS AO PARLAMENTO XOVE!

VOOOLVEMOS AO PARLAMENTO XOVE! Non nos resistimos a discutir! A convocatoria da competición de debate de Parlamento Xove contou outra volta con representación do Cruz do Sar. Os organizadores propuxeron a cuestión de se se deberían incrementar as sancións para as persoas e empresas que non respecten o medio ambiente? e nós intentamos deixárllelo claro: pode que si, pode que non.
O sábado día 7 de marzo combatemos dialecticamente no Complexo Residencial de Acea de Ama do Burgo cun grupo de 4º da ESO composto por Manuela, Andrea, Paula e Andrés, e tamén coa inestimable colaboración de Brais na fase preparatoria. Das tres confrontacións que tivemos saímos vitoriosos contra os equipos do SEK Atlántico de Pontevedra e contra Os Maristas de Lugo e superáronos os do Pondal de Cangas. Pero non todo foron discusións, houbo algo de festa nocturna, amizades con proxección de futuro e non sei se ata namoros (pero disto non hai evidencias).

miércoles, 11 de marzo de 2020

SEMANA DA POESÍA ( II ): VERSOS EN PEGATINA

Cantos versos collen nunha pegatina? Que palabras estamos dispostos a levar pegadas nas nosas carpetas, nos obxectos que conforman a vida, no espazo público...Que frases ou revelacións queremos  compartir co mundo? Podemos elexilas ou véñennos dadas? Que diferencia hai entre escribir e tomar a palabra? 
Neste obradoiro aportaranse ferramentas que axuden a tomar conciencia do efecto que pode ter unha palabra en relación ao espazo no que sexa colocada. 

Antía Otero presentou ao alumnado de quinto a palabra "apiario" = obradoiro e invitou a que cada neno e nena pensara durante uns minutos nunha palabra que fose importante para el/ela, a escribira e dixeran o motivo da súa elección. 
Por último, coa palabra elixida fixeron un verso que invitara  á igualdade entre nenos e nenas.
Unha vez feito o verso, o escribiron e decoraron nunha pegatina que posteriormente colocarán nun mural. 






martes, 10 de marzo de 2020

SEMANA DA POESÍA ( I )

Este curso, co gallo da Semana da Poesía e grazas ao Concello, Dores Tembrás e Antía Otero impartirán varios obradoiros no centro dentro dun proxecto que leva por título "Territorio e Igualdade". 

O obradoiro que impartiu Dores a terceiro de Primaria, " Memoria e Territorio. Camiño da escola" propón a reflexión sobre un traxecto que se repite idéntico durante anos: o camiño á escola.
Neste encontro, atendendo á ollada de cada alumno e alumna, terase en conta como muda a paisaxe e o que isto provoca. Cada un deles terá que crear o seu propio mapa, no que emoción e territorio van da man. Todo isto coa poesía como ferramenta para darlle forma.





REINAUGURACIÓN DA BIBLIOTECA: LOLI BARREIRO, PUNTO DE ENCONTRO

 

Hoxe reinauguramos a nosa biblioteca baixo o nome "Loli Barreiro: Punto de Encontro". Foi un acto sinxelo onde recordamos a nosa compañeira, Dolores Barreiro, que tanto traballou desde os comezos.

Aproveitamos este acto para montar a biblioterraza. Esperamos que veña o bo tempo para poder gozar dela! 








lunes, 2 de marzo de 2020

24 DE FEBREIRO: DÍA DE ROSALÍA ( II )

O pasado 24 de febreiro celebrouse o Día de Rosalía, a escritora galega máis reivindicativa e representativa  de Galicia que defendeu o pobo e a lingua galega.
A biblioteca, xunto co EDNL, elaborou uns crebacabezas con algún fragmento dos poemas máis coñecidos e unha ficha sinxela para completar a información relevante.





Os nenos e nenas, en grupiños e parellas,  axudáronse das tablets para buscar e organizar a información da ficha. 










viernes, 28 de febrero de 2020

DORES TEMBRÁS: DÌA DE ROSALÍA ( I )


A poeta Dores Tembrás compartiu a paixón por Rosalía de Castro co alumnado de 3° e 4° da ESO.
Nunha sesión celebrada no auditorio da Senra, foi descubrindo a versión máis feminista e reivindicativa
da matriarca galega. Apoiouse nos poemas de Tecín soia a miña tea, cun eu lírico feminino abandonado
a unha agarda solitaria ao xeito de Penélope; no de A xustiza pola man debuxaba a defensa da dignidade
feminina anta o abuso e o desamparo; nos textos reflexivos dos Lieders e Las Literatas aparecía a reivin-
dicación da individualidade feminina fronte ao papel subsidiario da muller.
A voz confidencial de Dores acabou por atrapar ao grupo na defensa da obra rosaliana afastada dunha in-
terpretación de muller afectada e chorona que nos legou a versión histórica.






EDUCANDO NA BIOSFERA: OBRADOIRO DE XABÓN ARTESANAL

Hoxe na nosa biblioteca e, grazas aos programas levados a cabo pola " Reserva da Biosfera, Mariñas coruñesas e terras do Mandeo", os rapaces de segundo e cuarto de E. P. aprenderon contidos ben interesantes sobre as plantas que medran na nosa contorna.


Sorprendeunos o abano de propiedades que posúen: nutricionais, medicinais e cosmética, entre outras.
Gozamos cun obradoiro no que cada un de nós fixemos un anaquiño de xabón con aceite, sosa e distintos aceites e esencias naturais que se atopan a cotío formando parte da beleza da nosa paisaxe. 
Agora toca agardar un  mes ata poder usalo...