lunes, 20 de abril de 2020

LUZ POZO GARZA

Hoxe expresamos un fondo pesar polo pasamento de Luz Pozo Garza na Coruña, cidade na que vivía dende finais dos anos 80. 
A poeta, ensaísta e catedrática de literatura de ensino medio formaba parte da RAG dende 1950, cando só con 28 anos foi nomeada membro correspodente e, dende 1996 era académica de número.


É unha das voces esenciais das letras galegas na segunda metade do século XX, renovadora tanto na temática abordada coma na forma. 
En 2019 publicou o seu último libro Pazo de Tor, un libro de homenaxe ás raíces familiares pola vía materna. 
A poesía de Luz Pozo bebeu con frecuencia da fonte de Rosalía de Castro, á quen rendeu homenaxe en obras como Vida secreta de Rosalía (1996) e tamén no seu discurso de ingreso na RAG como académica de número, Diálogos con Rosalía, a primeira intervención deste tipo escrita no código da poesía.
Morre unha gran poeta máis non morre a súa poesía. D.E.P. 

" Eu era aquela nena
que medraba na mariña lucense
absorta entre dous ríos benamados
o leste dun Edén apendendo as estrelas".

Dende aquí, mandamos un agarimoso abrazo a súa filla, Luz Pozo, compañeira do noso centro durante varios anos. 

lunes, 13 de abril de 2020

CELEBRAMOS O DÍA DO LIBRO?


Anímaste a celebrar o “DIA DO LIBRO” dende a túa casa?

O Día do Libro é un dos días favoritos da biblioteca do CPI Cruz do Sar.
Sabías que nesta data (23 de abril) se conmemora o falecemento de Cervantes e Shakespeare? E que a UNESCO promove esta celebración coa intención de fomentar a lectura, defender e protexer a industria editorial e os dereitos de autor?

E ti, que libro estás a ler estes días de “quedar na casa”?

Compárteo con nós.
Grava un video breve falando do libro que estás a ler (tamén pode participar a túa familia). Se non queres gravar un video manda unha imaxe ao correo da biblioteca bibliotecacruzdosar@gmail.com  

Recibide moito ánimo do equipo da biblioteca e sede conscientes de que estamos a facer algo moi importante quedando na casa.


martes, 24 de marzo de 2020

VOOOLVEMOS AO PARLAMENTO XOVE!

VOOOLVEMOS AO PARLAMENTO XOVE! Non nos resistimos a discutir! A convocatoria da competición de debate de Parlamento Xove contou outra volta con representación do Cruz do Sar. Os organizadores propuxeron a cuestión de se se deberían incrementar as sancións para as persoas e empresas que non respecten o medio ambiente? e nós intentamos deixárllelo claro: pode que si, pode que non.
O sábado día 7 de marzo combatemos dialecticamente no Complexo Residencial de Acea de Ama do Burgo cun grupo de 4º da ESO composto por Manuela, Andrea, Paula e Andrés, e tamén coa inestimable colaboración de Brais na fase preparatoria. Das tres confrontacións que tivemos saímos vitoriosos contra os equipos do SEK Atlántico de Pontevedra e contra Os Maristas de Lugo e superáronos os do Pondal de Cangas. Pero non todo foron discusións, houbo algo de festa nocturna, amizades con proxección de futuro e non sei se ata namoros (pero disto non hai evidencias).

miércoles, 11 de marzo de 2020

SEMANA DA POESÍA ( II ): VERSOS EN PEGATINA

Cantos versos collen nunha pegatina? Que palabras estamos dispostos a levar pegadas nas nosas carpetas, nos obxectos que conforman a vida, no espazo público...Que frases ou revelacións queremos  compartir co mundo? Podemos elexilas ou véñennos dadas? Que diferencia hai entre escribir e tomar a palabra? 
Neste obradoiro aportaranse ferramentas que axuden a tomar conciencia do efecto que pode ter unha palabra en relación ao espazo no que sexa colocada. 

Antía Otero presentou ao alumnado de quinto a palabra "apiario" = obradoiro e invitou a que cada neno e nena pensara durante uns minutos nunha palabra que fose importante para el/ela, a escribira e dixeran o motivo da súa elección. 
Por último, coa palabra elixida fixeron un verso que invitara  á igualdade entre nenos e nenas.
Unha vez feito o verso, o escribiron e decoraron nunha pegatina que posteriormente colocarán nun mural. 






martes, 10 de marzo de 2020

SEMANA DA POESÍA ( I )

Este curso, co gallo da Semana da Poesía e grazas ao Concello, Dores Tembrás e Antía Otero impartirán varios obradoiros no centro dentro dun proxecto que leva por título "Territorio e Igualdade". 

O obradoiro que impartiu Dores a terceiro de Primaria, " Memoria e Territorio. Camiño da escola" propón a reflexión sobre un traxecto que se repite idéntico durante anos: o camiño á escola.
Neste encontro, atendendo á ollada de cada alumno e alumna, terase en conta como muda a paisaxe e o que isto provoca. Cada un deles terá que crear o seu propio mapa, no que emoción e territorio van da man. Todo isto coa poesía como ferramenta para darlle forma.